Friday 17 de May de 2024

A Fundación Galicia Europa abre o prazo para inscribirse no programa TecEuropa de especialización en financiamento comunitario


Haberá dúas convocatorias, unha en abril e outra en outono, que se desenvolverán en Santiago e Bruxelas

A Fundación Galicia Europa (FGE) convoca dúas edicións, de 20 prazas cada unha, do programa TecEuropa de especialización en materia de financiamento comunitario, unha formación dirixida ao persoal das entidades galegas interesadas en participar en proxectos europeos.
A primeira edición terá lugar en abril e a segunda en setembro e outubro. O programa está conformado por unha parte teórica que se desenvolverá na oficina da FGE en Bruxelas e unha parte práctica que se levará a cabo en Santiago de Compostela.
Os participantes recibirán formación especializada sobre o marco financeiro comunitario 2014-2020, os programas e iniciativas europeos e as vías de financiamento existentes, ademais de visitar, durante a estancia en Bruxelas, as sedes das institucións europeas co obxectivo de coñecer de primeira man as súas competencias e funcionamento.
O programa está dirixido especialmente a persoal vinculado ás entidades membro do padroado da FGE, pero tamén poderá participar persoal das entidades locais galegas, do terceiro sector e de calquera outra das entidades públicas ou privadas galegas sen ánimo de lucro que teñan relación coa xestión de proxectos europeos.
As persoas interesadas en participar no programa terán de prazo ata as 24.00 h do día 13 de marzo de 2016 para enviar a solicitude e documentación correspondente ao enderezo electrónico santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu. Para calquera información complementaria poden contactar coa FGE no teléfono 981.541.012 ou no enderezo electrónico santiago@fundaciongaliciaeuropa.eu